
TODAS AS RESPOSTAS
Exeria, precursora da cultura galega
As 6 claves para descubrir a Exeria, autora do texto de viaxes máis antigo de toda a historia, a primeira peregrina escritora.
Guía para lembrala sempre.
Tiveron que pasar 1500 anos para poder recuperar a súa obra, para darnos conta do esplendor que ofrecía e asombrarnos da creatividade tan avanzada ao seu tempo.
Exeria foi unha muller cunha gran valentía e disposición de espírito que a levou a emprender longas viaxes por todo o mundo coñecido no século IV, sen temor aos perigos e dificultades.
O seu legado escrito é un relato ofrecido dende a empatía e a sensibilidade feminina, unha revolucionaria contribución literaria que sentou precedentes.
Para emocionarnos con Exeria e adentrarnos na súa achega á cultura universal, neste pequeno libro están contestadas as preguntas esenciais:
QUEN foi Exeria?
Esta enigmática muller moi culta, decidida e curiosa é coñecida con distintos nomes (Egeria, Eteria, Etheria…) dependendo da orixe das investigacións acerca da súa identidade.
Naceu na Gallaecia no século IV e neste libro están os detalles que sabemos dela.
QUE fixo?
Deixounos escrito o relato dun periplo que durou tres anos, percorrendo todo o mundo coñecido no seu tempo. Non era unha simple guía descritiva dos lugares; no seu manuscrito comunicaba de primeira man o que día a día descubría e as sensacións que experimentaba mentres vivía esa aventura.
COMO puido afrontar a viaxe?
É difícil imaxinar un contexto máis complicado: unha muller no ano 381 que decide saír a explorar as terras máis afastadas do imperio romano e visitar os lugares que aparecían nas escrituras, os lugares bíblicos de Xerusalén, Exipto e Mesopotamia.
No libro expóñense as condicións do momento e como puido superar dificultades e perigos para lograr esa proeza.
CANDO se descubriu o manuscrito?
As peripecias do escrito parecen o argumento dunha novela de intriga, dende a aparición casual duns pergamiños mesturados dentro dun vello códice, a sorpresa ao comprobar que eran misivas moi antigas, as distintas hipóteses aventurando quen podía ser a autora, ata o xiro dramático que cambia o rumbo das investigacións cando aparece a carta dun monxe que fala por primeira vez de Exeria.
Unha historia rocambolesca, ideal para compartir nas sobremesas familiares.
CANTA importancia ten o seu legado?
No libro explóranse os seus aspectos de muller e tamén de viaxeira para entendelos nos tempos do Imperio romano.
Vemos tamén como se anticipa varios séculos á literatura de viaxes e á narrativa epistolar a través de cartas.
En canto á lingua de conversa cotiá utilizada por Exeria, descubrimos a aparición inicial do que hoxe son modismos galegos, como “levar os nenos no colo”.
CALES son as súas obras?
No manuscrito conservado relata mediante misivas ás amigas o seu itinerario percorrido por máis de 5000 km.
Ademais, durante a estancia en Xerusalén documenta moi detalladamente a liturxia nas festas da epifanía, do bautismo, das celebracións diarias e dominicais, incluíndo himnos, lecturas e oracións.
Son rituais anteriores á aceptación xeral do 25 de decembro como data do nacemento de Xesús.
En pouco máis de cen páxinas están todas as respostas.
*** Inclúe as 23 cartas escritas por Exeria relatando as aventuras da viaxe ás amigas que quedaron en Galicia.
Unha preguntiña máis…
A quen che recorda Exeria?
Por casualidade estás pensando nunha persoa que coñeces, moi empática, sensible, curiosa e decidida?
Regálalle un exemplar para que saiba que pensaches nela.

Esta web está LIBRE DE COOKIES que afecten á protección da privacidade (non se fai seguimento de usuarios, nin se elaboran perfís de segmentación, nin existen identificadores de datos persoais).
Polo tanto, queda excluída da aplicación do artigo 22.2 da LSSI e maniféstase completamente respectuosa co dereito á propia intimidade nas redes de comunicación.